Formación teatral
O teatro é unha ferramenta poderosa que vai moito máis alá do escenario. É un espazo onde expresarse con liberdade, mellorar a autoestima, traballar en equipo e, sobre todo, pasalo ben mentres se aprende. Nos cursos e obradoiros que facilito, tanto con crianzas como con persoas adultas, combinamos o xogo escénico coa reflexión, a memoria, a improvisación e corpo en movemento. Porque actuar tamén é descubrirse, conectar co presente e crear en comunidade.
En función da idade, das necesidades e/ou motivos da persoa que chega ás clases, adapto o cronograma, as técnicas e a maneira de achegarnos ao teatro. Buscando así sempre unha experiencia personalizada onde o importante é estar en equilibrio co grupo. Aprender dende o xogo é unha maneira marabillosa de explorar, soltar e estar no aquí e agora co compañeiro, compañeira. Nas sesións non se busca un resultado nin unha meta concreta: tratamos de vivir o proceso con humor, sen xuízos e con moita curiosidade. Cada persoa involúcrase ata onde quere ou pode, e iso é moi valioso.
O importante é escoitar como está o compañeiro, a compañeira, que nos propón. Así é como na vida mesma fiamos cada un e cada unha o seu camiño.

Traxectoria
Levo varios anos desenvolvendo o meu traballo no eido da formación e da animación cultural, impartindo obradoiros e clases de teatro, voz, danza e expresión escénica para diferentes idades e contextos.
Colaborei con entidades como JANA Producións, Educaocio, Barafunda S.L., Teatro de Ningures ou Amorodio Teatro, entre outras. Tamén participei en programas públicos como Forox e Áurea Xestión Cultural da man da Deputación de Pontevedra, así como en actividades organizadas en centros educativos e campamentos artísticos por toda Galicia.
Na miña práctica docente busco crear espazos seguros, lúdicos e creativos onde cada persoa poida expresarse con liberdade. Entendo a formación e, concretamente a teatral, como unha ferramenta que nos abre camiño e que crea novos horizontes, fomentando valores como a empatía, a necesidade da escoita, da comunicación, o espíritu de equipo, etc.
Acción - reacción, formación - impacto ✻